obaixoulla.gal

Presentación de obaixoulla.gal

O sábado 16 de novembro, ás 12:00 horas, na Fundación Rosalía de Castro – Casa de Rosalía, terá lugar a presentación de obaixoulla.gal | patrimonio + territorio + paisaxe, o catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

Esta actividade súmase á iniciativa da Rede do Patrimonio Cultural para conmemorar o Día do Patrimonio Mundial en Galicia.

cartel_obaixoulla.gal

Antecedentes

En xaneiro do 2018, a Asociación Cultural Os Penoucos lanzaba o Mapa do Patrimonio de Valga, ao que lle seguiron os de Pontecesures, Dodro, Padrón, Catoira e Rianxo. A web que alberga estes mapas, publicada na URL baixoulla.ospenoucos.gal, foi realizada con ferramentas de software libre (Leaflet) e usando mapas libres (OpenStreeMap). Este feito foi o que motivou que en novembro 2018, a través de MELISA (Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide), a Asociación Comunidade O Zulo e a Asociación Cultural Os Penoucos, xunto con MELISA, reúnense para avaliar a posibilidade de migrar o actual sitio web a unha plataforma web libre baseada no software Drupal. Os obxectivos principais do proxecto son:

  • Uso de software de fontes abertas para a publicación dun novo sitio web áxil e flexible que permita catalogar de xeito sinxelo os máis de 3.000 elementos publicados.
  • Desenvolver e deseñar o proceso de migración de datos do sitio actual, de xeito que non se produza perda de información.
  • Publicación dun catálogo dixital aberto, onde o acceso aos datos non estea restrinxido, senón que este acceso sexa libre e gratuíto.

Que é obaixoulla.gal?

Despois de máis de 400 horas de traballo conxunto entre Asociación Comunidade O Zulo e a Asociación Cultural Os Penoucos, o 16 de novembro nacerá o obaixoulla.gal | patrimonio + territorio + paisaxe, un catálogo dixital aberto de elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga. Todos eles, documentados, clasificados e xeolocalizados con mapas libres.

O proxecto colaborativo obaixoulla.gal pretende recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural e natural do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría. Na actualidade están catalogados elementos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

Proxecto colaborativo

Con todo, no proxecto obaixoulla.gal queremos construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Deste xeito, todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva.

Ademais de poñer en valor o patrimonio, facemos eco das relacións emocionais co espazo e dos diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes.

Por outra banda, ao poder recoller os elementos tanxibles —e en certa medida intanxibles— do patrimonio nun mapa, contribuímos a poñer ao alcance todas e todos o patrimonio; sen dúbida é unha forma de coñecer, saber, difundir e socializar co noso territorio.

Así, este proxecto está aberto á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos… Ti tamén podes facer parte do proxecto e así, entre todas e todos darémoslle unha perspectiva máis funcional e social ao patrimonio que nos rodea!

Este proxecto, realizado sen ningún tipo de subvención oficial, aspira a seguir medrando, mais como até o de agora o fixo, co traballo voluntario e desinteresado de persoas que creen no territorio no que viven.

Software libre e datos abertos

obaixoulla.gal é un proxecto libre. A súa base tecnolóxica, e os seus compoñentes: mapas, documentos, xestor de contidos… están publicados baixo licenzas libres. Trátase dun proxecto baseado en software libre. Todo os compoñentes, tanto software como contidos, teñen licenzas abertas, polo tanto serán reutilizables por calquera persoa ou organización sen restricións de ningún tipo.

Ao tratarse dun catálogo dixital aberto, o acceso aos datos non está restrinxido unicamente á súa visualización no sitio web. O acceso aos datos en distintos formatos é libre e gratuíto.

O equipo

Asociación Cultural Os Penoucos

A Asociación Cultural Os Penoucos nace no 2006, froito das inquedanzas dun grupo de persoas do Baixo Ulla. Ten como piares fundamentais o fomento da lingua e cultura galega, realizando actividades culturais, artísticas e medioambientais; ao longo dos seus 13 anos de existencia.

Asociación Comunidade O Zulo

A Comunidade xorde como un proxecto impulsado por @apermuy no ano 2003. Despois da celebración das I Xornadas de SwLibre do Concello de Mugardos en 2004, @probatto e Evaristo deciden organizarse de xeito altruísta para manter vivo o espírito de colaboración e difusión do software e da cultura libre.

Desde 2004 organiza eventos técnicos (Xornadas de Software Libre), de difusión (Día Liberdade do Software) e lúdicos (Ciberencontro Kernel).

No ano 2010 constitúese legalmente a Asociación Comunidade O Zulo, e desde aquela, pretenden dar un xiro ás actividades e presenza do Zulo. Pretenden combinar as bondades sociais e técnicas do software libre, coa difusión da cultura libre. Interésanse pola música libre, as licenzas libres, o software e o hardware libre, en resumo, a cultura!

No ano 2015 traballa  na publicación do primeiro catálogo dixital de lavadoiros e fontes de Mugardos, A Cultura da Auga.

En 2016, publica xunto a MELISA (Asociación de usuarios de software libre da Terra de Melide) o proxecto abeancos.gal, un catálogo dixital de elementos patrimoniais da Terra de Melide.

Xa en 2017, traballan coa xente de Xeopesca na publicación de palleira.gal, catálogo dixital das palleiras de Combarro.

Finalmente, o 16 de novembro de 2019, froito da colaboración entre a Asociación Comunidade O Zulo e a Asociación Cultural Os Penoucos, verá a luz obaixoulla.gal.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s