Foi construído no século XVI pola familia Queiruga, para posteriormente pasar a mans da Igrexa, que o usou como sede vacacional da curia compostelá.
Trátase dun edificio de grandes dimensións de estilo barroco, con planta en forma de U e con fachada simétrica. Muros de perpiaño de pedra e teito con cuberta de tella. Porta de entrada alintelada á que sigue unha xanela, na planta superior, que remata por enriba en cornixa saínte, na que asenta un escudo episcopal. Estes elementos marcan o eixo central da fachada que leva a cada lado vans con molduras nos seus marcos. No segundo andar, dúas xanelas a cada lado, con dous pequenos balcóns que contribúen a traza de simetría.
O brazo dereito da construción é máis amplo que o esquerdo, no que se atopa a Capela da Virxe dos Aflixidos, coa advocación do Anxo da Garda, que se adiviña polo seu campanil situado no beirado do tellado. Conserva no seu interior unha impresionante talla a tamaño natural da Dolorosa, obra do escultor Xosé Ferreiro. Na súa fachada, ten un campanil que supera o aleiro do tellado.
Amplo patio de entrada, flanqueado polos muros de pedra dos alpendres e dependencias anexas ao pazo. Neste patio emprázase unha monumental fonte, solemne exemplar da arquitectura barroca neste tipo de fontes. Ten un gran poste e tres alturas, coroándoa unha figura do Santiago Apóstolo con traxe de peregrino.
Latitude/Lonxitude: 42.733033623, -8.666304555
Referencias: Patrimonio Galego
Imaxes: Elixio Vieites
Accede ao mapa do Baixo Ulla clicando aquí