A Ermida de San Cibrán posúe unha nave duns 20 por 8 metros. O presbiterio non se diferencia en planta, e a el se acaroan outras dúas dependencias a ambos lados, así como outra estancia máis, mais á nave. Lonxitudinalmente, os pés da nave están orientados cara o sueste. Dispón dunha porta principal rectangular, e sobre esta consta un sinxelo óculo, así como diversas xanelas nos laterais da parcela. Na dependencia acaroada do noroeste hai tamén outra pequena porta de acceso, e enriba desta fachada foi colocada unha espadana de liñas simples. O edificio está integramente construído con cachotaría, e denota múltiples reformas e engadidos, polo que non é factible determinar o momento orixinal da súa fundación. Sen embargo, baixo unha xanela parece lerse 1671. De todos os xeitos, a súa actual aparencia semella remitir, en liñas xerais, a unha fábrica tipicamente barroca.
A ermida pola parte posterior da súa cabeceira está cinguida por un muro de contención que aplana unha franxa de terreo polo noroeste e o suroeste, sendo de escasa anchura e salvando as dúas pendentes da confluencia das valgadas de dous regatos. No muro noroeste consta dun tiro de escaleiras de varios chanzos, que en principio dá paso ao sector de pendente que hai entre a ermida e o mencionado vértice de confluencia das dúas correntes. Ignórase cal sería o uso dado a esta pequena escalinata, a non ser que fose construída para facilitar a baixada ao regato.
Latitude/Lonxitude: 42.648723265, -8.700865587
Imaxes: Galicia Máxica
Accede ao mapa do Baixo Ulla clicando aquí