Mapa do Patrimonio de Valga

Igrexa de Santa Cristina de Campaña

Figura en varios documentos antigos, como na concesión que Xelmírez fai a favor do Convento de San Martiño Pinario en 1115 (Sanctam Christinam de Campania cum suis adjuntionibus), ou no testamento de 1131 que Odairo Afonso lega a favor do seu presbítero Pedro (Ad Petro, presbytero de Campania). A datación alto-medieval desta igrexa podería ter correspondencia con vestixios soterrados asociados a ela.

No 1115, o bispo Diego Xelmírez confirma a independencia e autoridade de San Martiño Pinario e Santa María da Corticela, o cobramento do terzo do dezmo do Xiro e posesión das igrexas, xunto coas súas rendas, vilas, coutos e vasalos de, entre outras parroquias, da de Santa Cristina de Campaña.

A igrexa parroquial de Campaña está formada por unha única nave sen cruceiro, de planta rectangular. Ábsida prismática e nave lateral de menor altura de época posterior, onde se sitúa a sancristía. A nave principal atópase dividida en tres treitos por dúas parellas de columnas e un arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave con aresta vista sen moldura. A fachada conserva a portada románica abocinada de dobre arquivolta tórica e arco semicircular de billetes no exterior. No cemiterio atopamos unha cruz feita dun só bloque granítico e un cruceiro do século XX.

Na década dos noventa do século pasado, durante unha treboada, o antigo campanario situado na parte superior do templo, resultou destruído debido a un lóstrego que caeu sobre as campás do mesmo. O campanario foi reconstruído, situándose o novo separado da igrexa, nunha torre de planta rectangular.

Nunhas reformas ás que foi sometida o templo, ao retirar un retablo que se erguía obre o antigo cabeceiro da ábsida, descubríronse unhas pinturas góticas. Ao estar ocultas, sufriron moita humidade, mais a pesar disto, consérvanse bastante ben. Teñen un gran interese polo tamaño das mesmas e a proporcionalidade das figuras, reflexando fielmente o xeito de traballar os artesáns pictóricos entre os séculos XV-XVI en Galicia. Destaca a pintura da anunciación, obra moi ben terminada segundo os técnicos, presidida polo pantocrátor na súa parte superior.

No ano 2010, fíxose entrega dunha reliquia de Santa Cristina de Bolena á parroquia de Campaña, traída desde Italia.

Latitude/Lonxitude: 42.711656557, -8.668429849

Referencias: Val de Valga

Imaxe: José Antonio Gil Martínez

+Info: Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla

igrexadesantacristinadecampana

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s