Mapa do Patrimonio de Catoira

Cine Rañó

O edificio, de estilo ecléctico, unicamente conserva a fachada en pé. Levantada en granito de boa calidade, a súa fronte presenta unha serie de ocos regulares organizados en rúas verticais e horizontais: no eixo un conxunto de tres ocos agrupados con protagonismo do central (alintelados no andar primeiro e baixo arco de medio punto arriba), e un par de vans organizados verticalmente nos extremos. Coroa o inmoble un acroterio de deseño simple que sitúa un óculo central no centro da composición. O inmoble co que fai medianeira, reproduce unha parte do deseño da fachada do cinema.

O edificio é obra do arquitecto de Meis Robustiano Fernández Cochón, sendo inaugurado o 20 de marzo de 1957. Este mesmo arquitecto foi o responsable de facer os proxectos do Cine Malvar en Pontevedra, o Cine Cervantes en Vilagarcía de Arousa, o Cine Colón en Forcarei, o Cine Changüy en Soutelo de Montes, a escalinata da Ermida dos Milagres de Amil (Moraña), o Templo Novo de Marín, o Bar-Salón de Té da Praia Compostela de Vilagarcía de Arousa, os Grupos Escolares de Meis e Portas, o Instituto Provincial de Hixiene, entre outras. Caracteriza a súa obra a busca dunha arquitectura civil en consonancia co rexionalismo galego da época.

O Cine Rañó posuía un aforo de 200 butacas. O seu propietario era don José María Rañó e a primeira película proxectada neste cine foi “El Hijo de la Furia”. O encargado de proxectar as cintas esa Suso de Emilio quen, con posterioridade, sería substituído por un familiar seu, O Carrandán. O proxector era da marca Superson e o técnico era un vilagarcián chamado Charlín. As entradas eran vendidas por José Guillán, dona Fina (a dona do propietario) e a súa filla, Elvirita.

Naqueles tempos, xunto co campo de fútbol das Lombas, o cine era unhas das poucas actividades de lecer dos veciños. O Cine Rañó enchíase, sobre todo, polo Nadal e  San Xosé. Algunhas anécdotas relacionadas co cine son as seguintes.

  • Unha veciña era a primeira vez que entraba nun cine, e estando xa pasando o NODO, e polo tanto estaban a escuras, o seu marido preguntoulle que facía tocando a parede, e ela contestoulle que estaba buscando a pía de auga bendita.
  • Noutra ocasión prendeu lume na película, e o mozo que estaba alí de axudante saltou pola ventá para non queimarse.
  • Era habitual que houbese caídas da tensión eléctrica e, como consecuencia, a pantalla quedaba sen imaxe e a xente protestaba asubiando.
  • O 9 de marzo de 1961 a Compañía de Teatro Airiños de Rianxo representou a obra “A Fiestra Valdeira”, de Rafael Dieste. O dono cedeulles o local, mais faltáballes o permiso do Gobernador Civil que, unha vez se decatou desta representación, sancionou ao dono cunha multa económica e a suspensión de pasar películas durante dúas semanas. Todo iso porque o autor da obra representada era republicano, cousa que naquel momento estaba mal vista.
  • O cine tivo pouca vida e foi pechado o 20 de maio de 1975, sendo propietario don José María Vázquez, médico de Catoira.

Na actualidade, este edificio está en estado ruinoso. Sería interesante a súa rehabilitación posto que o seu estilo arquitectónico ben merece, ademais de ser unha obra dun arquitecto recoñecido.

Latitude/Lonxitude: 42.671918204, -8.724931053

Referencias: Entre lusco e fusco

+Info: Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla

cinerano

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s