Mapa do Patrimonio de Catoira

Hotel Balneario Catoira

O antigo hotel era unha construción de pedra, situada en medio dun terreo de case dúas hectáreas, no centro do núcleo urbano, a pouco máis de 150 metros da ría. O hotel é unha fermosa casa de pedra situada no medio de o terreo, goza de boas vistas á ría, ten 20 cuartos, un comedor-galería e unha ampla cociña. O complexo aparece conformado por dous edificios illados separados entre si 66 metros. O desenvolvemento arquitectónico do conxunto que conforma o balneario de Catoira nunca chegou a ter a importancia dos outros grandes balnearios da zona.

Posiblemente as augas de Catoira son coñecidas desde a antigüidade, xa que aquí houbo un asentamento romano e sábese do seu gusto polas augas minerais. En 1907 as augas foron declaradas de utilidade pública.

Foi nese momento cando se desenrolou un proxecto empresarial baixo a dirección do seu propietario, o avogado de Caldas de Reis , Adolfo Mosquera Castro, que incluíu, ademais da creación do Hotel Balneario, a explotación industrial das augas para a fabricación de xabón e sales de toucador. A fábrica onde se preparaban estes produtos construíuse e n Caldas de Reis, onde residía Adolfo Mosquera. Tratábase dun xabón sulfuroso, feito a base das augas de Laxiña e Recaarén, coa marca Torres de Oeste, que alcanzou certa fama en Arxentina. As sales que se comercializaban tamén tiñan como base as augas medicinais. Os dous produtos chegaron a recibir premios nas exposicións de Londres, Roma e Bos Aires. A emigración galega a países estranxeiros, especialmente a Arxentina, favoreceu as relacións comerciais con outros países e contribuíu á difusión de ambos os dous produtos

Escasa é a documentación que se conserva para facernos unha idea do significado desta actividade comercial, mais algunha importancia tería, a xulgar por este extraído dunha revista do ano 1912: “Tales son, salientados por riba, o país de Catoira, as súas augas mineromedicinais, o seu balneario, o seu hotel e os produtos que elabora o seu propietario, que obtiveron diploma de honra e medalla de ouro na exposición última de Londres; gran premio, diploma de honra e medalla e cruz de ouro, na recente de Roma e diploma de honra, na última de Bos Aires“.

Existían catro mananciais, que mencionados de norte a sur son: o do Disco, descuberto a comezos deste século, coñecido antigamente como Codeseira, o coñecido por manancial do Hotel, denominado antigamente Licarei, o que denominan do Balneario, que antigamente era coñecido como manancial de Laxiña e por último o denominado de San Miguel, preto da igrexa parroquial, na beira norte do río de Catoira, coñecido por outros como da Igrexa ou da Ponte.

A tempada oficial comezaba o 1 de xullo e remataba o 30 de setembro. Os tratamentos, prescritos polo médico, incluían xeralmente baños e auga en bebida. As curas tiñan unha duración de entre 7 e 15 días e a indicación principal eran certos procesos dermatolóxicos como psoríase, eccemas ou erisipela. A guerra civil afectou o funcionamento do balneario até o punto de que os propietarios tiveron que pechar as instalacións.

En 1958 un novo propietario, Ricardo Dios, compra a estación termal. Fanse reformas tanto no hotel como no balneario, co fin de mellorar as condicións para os auguistas, mais a nova etapa non alcanza o esplendor de antes da guerra. O avance da medicina contribúe a que este, ao igual que outros balnearios do país, vivisen as súas épocas máis baixas.

Nalgúns textos recentes menciónase que a actividade balnearia mantívose ininterrompidamente até 1984. Este dato non parece certo xa que os veciños manteñen que despois da guerra o balneario non permaneceu aberto por moito tempo e o doutor Carlos Pérez, nomeado médico titular de Catoira en 1963, ratifícao. Estando el como médico, non recorda actividade no balneario.

Latitude/Lonxitude: 42.672829821, -8.724377929

+Info: Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla

balneariodecatoira

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s