Mapa do Patrimonio de Valga

Castro dos Vilares

Situado a unha altitude de 275 metros, dominando unha valgada atravesada polo río Valga e rodeada polo Monte Lagoa ao  norte, Outeiro da Trigueira ao sur e o Monte Outeiro da Carballeira ao leste. O xacemento, bastante alterado nos sectores oeste e sur, está composto por un recinto central, bordeado por parapeto e terraplén, ao que seguen unha primeira liña de foxo, potente contrafoxo, e rematando cun segundo foxo, moito máis profundo que o primeiro. O sistema defensivo consérvase sobre todo na metade norte do castro, desaparecendo na metade meridional, debido ás construcións do núcleo rural de Os Vilares.

O recinto central presenta unha forma aproximadamente elíptica, co eixo maior en sentido leste-oeste, estando pechado, cara o interior, por un parapeto, o cal conserva unha altura de entre 1 e 2 metros, cunha maior altitude no sector leste-noroeste. Cara a parte externa, este parapeto deriva nun pronunciado terraplén, que chega até os 4 metros de altura no sector norte e noroeste.

Todo este conxunto está rodeado por un primeiro foxo, bastante colmatado ou de escasa profundidade, e que se conserva en toda a metade norte. Esta primeira liña defensiva ven seguida por un contundente contrafoxo, a modo de muralla térrea, o cal bordea todo o castro na zona menos alterada (nordeste, norte e oeste-noroeste), observándose a continuación unha segunda liña de foxo, profunda e encaixada (aproximadamente uns 4 metros de altura e uns 3 metros de anchura na parte inferior), a cal mantén a mesma liña e conservación que o contrafoxo. Este sistema defensivo vai seguindo a liña marcada pola forma do recinto central, agás na parte nordeste, onde se abre e ensancha, creando un espazo que podería corresponder á entrada orixinal ao recinto.

O recinto principal e toda a metade norte do xacemento atópase en condicións de conservación aceptables, mentres que a parte sur aparece moi alterada. Así, as vivendas de Os Vilares, xunto cos viais de acceso, supuxeron a destrución de todo o sistema defensivo (o terraplén que bordea ao recinto principal aparece rebaixado en anchura), xunto coas posibles terrazas anexas ao xacemento. Na zona leste aparece un depósito de auga incrustado no terraplén, mentres que no oeste unha edificación aparece emprazada na liña do contrafoxo. Un camiño que entra até o recinto principal pola parte leste-nordeste, corta toda a liña defensiva. No suroeste, a pista que dende Os Vilares leva ao Monte da Lagoa, corta e destrúe a liña de foxo e contrafoxo. Un estreito camiño, xa case abandonado, que entra até o recinto central dende o oeste, cega unha parte puntual do segundo foxo.

Latitude/Lonxitude: 42.698419019, -8.612512263

Referencias: Patrimonio Galego

Imaxe: Elixio Vieites

+Info: Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla

castrodosvilares

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s