Mapa do Patrimonio de Pontecesures

O Coche de Pedra

En 1985 inaugúrase o monumento conmemorativo O Coche de Pedra, unha réplica do primeiro coche a gasolina que circulou por Galicia, un Frères. Manuel Castelo, de Talleres Castelo (A Escravitude), representa, labrado en granito, aquel que fora exposto na primeira e segunda edicións da Feira do Automóbil de Ocasión sobre un pedestal de ladrillos.

O texto que segue a continuación foi extraído Libro da Pascua de Padrón 2019, escrito por Antonio Ferro Trasande

A primeira Feira do Automóbil de Ocasión celebrouse no ano 1925 e tivo consideración de ser a primeira feira de automóbiles que se celebrou no estado. Ben é certo que houbera experiencias anteriores en Madrid (1907 e 1923) e Barcelona (1913, 1919, 1922, 1924 e 1925), mais todos estes certames limitáronse á exposición de vehículos novos que non tiñan como fin principal a súa venda nos recintos feirais. Ademais, non combinarían a venda de novos con usados, é dicir, de ocasión. Polo tanto a feira do automóbil de 1925 sería a primeira en mesturar a venda e exposición de vehículos novos e usados dentro dun recinto feiral.

A idea de levar a cabo este evento hai que buscala na Feira Cabalar da Pascua de Padrón de 1924, cando dous dos futuros promotores, o empresario vigués asentado en Pontecesures don Eugenio Escudero Lastra e o médico de Pontecesures don Víctor García García-Lozano, visitaban esta importante feira gandeira e, paseando entre cabalos, atopáronse cun home que estaba alí no medio co seu coche, intentando vendelo. Ante aquela imaxe, os dous decatáronse de que os tempos estaban cambiando e que o futuro ía ser daqueles cacharros que tanto ruído e fume botaban.

Así foi que pouco despois, no seu camiño de volta desde Padrón até Pontecesures viñeron falando e chegaron á conclusión de que se Padrón tiña unha feira de cabalos, Pontecesures tería unha de automóbiles.

Nada máis cruzar o Ulla, a súa primeira parada foi en Casa Castaño, o seu lugar de reunión e parladoiro diario cos seus amigos, aos que lle contaron a súa idea e pedíronlle o seu apoio. A idea da feira prendeu en todos eles e a partir dese momento traballaron a reo na organización de mesma. Cabe destacar a experiencia de todos eles no ámbito empresarial, pois a maioría dos futuros membros do comité organizador posuían negocios de gran importancia, tanto en Padrón como en Pontecesures: relacionados con curtidos, madeiras, transportes fluviais, teares, cerámica…

Un factor importante que resultaría positivo no éxito da feira foi o momento de gran crecemento económico que se viviu nos tempos da ditadura de Miguel Primo de Rivera, dentro dun contexto de auxe económico a nivel mundial, sobre todo dos Estados Unidos de América, que se encargaría de exportar os seus produtos, principalmente camións e automóbiles a gran parte do mundo.

En marzo de 1925, cos preparativos da feira xa en marcha, don Eugenio Escudero Lastra e o seu amigo e socio na fábrica de ladrillos de Campaña, don Salvador Sierra Trasande, deciden facer unha viaxe á feira industrial máis importante do mundo, a Feira de Mostras de Primavera de Leipzig, en Alemaña. Esta reunía cada ano a máis de 12.000 expositores; a idea era recoller impresións e experiencias que puidesen ser aplicables á feira de Pontecesures e para isto querían aprender da mellor feira do mundo.

Despois da viaxe a Alemaña, nos meses de abril e maio poñen en marcha un importante labor organizativo, comezan os contactos con casas comerciais relacionadas coa industria da automoción e tamén con outras de diferentes sectores. Convidan á Asociación de Prensa a un xantar na Casa Castaño, onde ademais do famoso timbal de lamprea, degustan mariscos da ría e bos viños do Ribeiro e da Rioxa, rematando coas afamadas sobremesas de Maruxa Castaño. A partir dese momento e durante os meses previos á feira, os xornais Faro de Vigo, El Pueblo Galleo ou Galicia, comezan a darlle protagonismo nas súas columnas aos preparativos da feira de automóbiles de ocasión.

O cartel anunciador da feira encoméndallo ao pintor nacido en Pontecesures Carlos Maside. O xenial artista pinta un cartel onde aparece o deus Mercurio (deus do comercio) calzando no seu pé un automóbil a modo de patín. E de destacar tamén o cadro pintado pola pintara cesureña Oria Moreno. Este óleo representa a un neno pintando publicidade da feira nunha parede e foi exposto durante os días que durou a feira nun comercio vigués chamado Camisería Inglesa.

O comité organizador puxo anuncios en diferentes medios de prensa ao fin de atrae a aquelas persoas que estivesen interesadas en vender ou mercar vehículos usados no futuro certame.

Nun primeiro momento a feira ía ter unha única data de celebración, que era o día 28 de xuño, mais sobre a marcha e debido ás peticións das casas comerciais, decidiuse alongar o evento até o 29 de xuño, festividade de San Pedro.

E por fin, chegado o gran día, o domingo 28 de xuño de 1925, o gobernador civil de Pontevedra inaugura no peirao de Pontecesures a Feira do Automóbil de Ocasión. O recinto feiral ocupaba unha superficie de 15.000 metros cadrados e montouse un posto cuberto de 115 metros de longo, dividido en compartimentos de 5 metros de fronte.

Os dous días que durou o evento, Renfe fretou trens especiais desde A Coruña e Vigo, con destino á feira. Ademais pequenas empresas de autobuses organizaron desde diferentes puntos do territorio galego excursións a dito evento. O certame foi visitado por máis de 10.000 persoas, que puideron contemplar unha impresionante concentración de vehículos que sumaban a cantidade de 598, dos cales 348 eran de ocasión, 70 eran novos e 180 non estaban inscritos na feira. Ademais de todo isto había gran cantidade de motocicletas e bicicletas.

As casas comerciais presentes nesta primeira edición chegaron ás 49, das cales 15 representaban casas fabricantes de automóbiles e o resto pertencían a empresas relacionadas co sector do automóbil ou dedicadas á industria e o comercio en xeral. O valor aproximado de todos os artigos alí expostos era duns 5 millóns de pesetas e o volume de vendas cifrouse en 418.000 pesetas.

O escritos e pintor rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, moi relacionado con Pontecesures e con grandes amizades no comité organizador da feira, recibiu a encomenda do xornal no cal era columnista de que visitase a feira do automóbil para escribir un comentario sobre esta. Conta despois, en diferentes artigos que escribiu na época, que ao principio tomou a encomenda como algo festivo, agardando atopar unha feira semellante a unha festa ou romaría, mais tamén conta logo o seu asombro e sorpresa do que alí atopou, nada máis lonxe do que el agradaba: “iso era un acontecemento extraordinario cunha organización impecable e cun futuro comercial e industrial tremendo”. Castelao deuse conta de que o que se expoñía alí, nun futuro moi próximo cambiaría a vida das persoas. Despois da grata impresión que lle causou a Feira do Automóbil, pintou diversas viñetas sobre dito acontecemento, sempre tratando de comparar a venda dun automóbil co trato que se fai na venda dun animal, de aí xorde as súas viñetas “O feirante que espera”, “O que tanto medo metía cando corría, “Mirándolle os dentes”…

Ao ano seguinte, en 1926, repítese a experiencia, sendo aínda máis grande. Logo faríanse dúas feiras máis no ano 1950 e 1954.

Latitude/Lonxitude: 42.721936004, -8.652720832

ocohedepedra1

pontecesures_banner

Accede ao mapa do Baixo Ulla clicando aquí

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s