Mapa do Patrimonio de Valga

Capela dos Martores

Templo construído sobre outro orixinal anterior á cristianización. O edificio actual, do século XVII, consta de planta rectangular e muros de cachotería, agás o da portada, que é de perpiaños e posúe un campanario.

Segundo a teoría do bispo Don José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago de 1982, sinala o lugar dos Martores, como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano. A existencia duns sarcófagos antropomorfos que poden datar do século IV, e a toponimia do lugar, Os Martores, que pode ser unha reminiscencia da toponimia de Os Mártires, co que se coñecía aos mortos en Tréveris. En apoio de esta teoría engádese un aporte documental: na sentencia definitiva do concilio de Toledo celebrado no ano 400 dise: “Na cidade de Toledo pertencente á provincia Carthaginensis, os bispos reúnense en Sínodo: segundo as actas, Simposio e Dictinio xunto a outros bispos galegos, seguidores de Prisciliano, asinaron unha declaración na que condenaban a súa nefasta herexía, así coma ao seu autor. Ademais tomáronse diversas medidas que concernían á disciplina eclesiástica. Neste mesmo concilio participou o bispo Ortigio, que fora ordenado en Celenis, sendo exiliado a causa da súa fe católica, baixo a presión dos priscilianistas.” Estas actas son interesantes xa que lembran a importancia do priscilianismo durante os séculos IV e V en Aquis Celenis, a actual Caldas de Reis, da que seguramente dependía a Valga naquel tempo.

Guerra Campos menciona o lugar dos Martores como unha posibilidade que debe ser investigada, posiblemente para afastar a teoría de que os restos que se atopan na Catedral de Santiago sexan os do propio Prisciliano, mais non deixa de lembrar que non existe un topónimo como Martores en toda Galicia, aínda que si existe presenza similar como Os Martices en varios concellos.

Sulpicio Severo, na súa crónica Chronicorum Libri Duo que é unha fonte de información moi importante para entender a controversia prisciliana na Galia, di que cando os corpos dos mártires foron traídos ás Hispanias, eran cinco os executados en Tréveris: Prisciliano, Felicísimo, Armenio, Latroniano e Eucrocia. Estes foron traídos entre os anos 385 d.C. e o 400 d.C., celebrándose as exequias con grande esplendor, e incluso comezaron a venerarse como mártires, considerándose relixioso en extremo xurar no nome de Prisciliano. Segundo o bispo Hidacio (c. 400 – c. 469) despois da execución do mártir “a herexía priscinialista invadiu Galicia”.

Na última restauración da Capela dos Martores atopouse unha ara romana dedicada ao deus Mercurio (século I d.C.).  Descuberta en 1950 no pavimento da propia Capela dos Martores, a ara, colocada coa inscrición cara abaixo, estaba aproveitada como chanzo ante o altar. Actualmente consérvase aínda no interior da capela, deitada ao lado do muro sur. Trátase dunha inscrición votiva dedicada ao deus Mercurio, realizada nun bloque de granito de forma rectangular, coa parte superior un tanto máis estreita que a inferior. A súa transcrición, segundo o C.I.R.G., II: Mer/curio / Seve/rus / pro / vo/to. Esta dedicación que Severo fai ao deus Mercurio está realizada sobre unha ara das clasificadas no terceiro grupo, ao que pertencen aquelas que manteñen un gusto indíxena e unha técnica pouco elaborada. Esta categoría de aras votivas non soen estar traballadas pola parte traseira, sendo concibidas para estar pegadas a unha parede ou cravadas no chan. Neste caso, fíxose aproveitando a forma da propia pedra, que presenta unha superficie irregular. Aínda que descuberta fóra de contexto, é moi probable que esta inscrición proveña da mesma zona na que se atopou, e poida estar en certa relación cos restos romanos recuperados na contorna da Capela dos Martores.

Latitude/Lonxitude: 42.689651452, -8.615511719

Referencias: Historia de Galicia

+Info: Patrimonio e paisaxe(s) do Baixo Ulla

capeladosmartores

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s