Mapa do Patrimonio de Pontecesures

Cerámica Celta

As instalacións que configuraran o conxunto da Cerámica Celta, acaroadas á que fora industria de fabricación de cal (Caleras del Ulla), localízanse na aba setentrional do Monte do Porto, na ribeira esquerda do río Ulla tras o seu paso pola vila.

En 1923 Ramón Diéguez Carlés, establecía unha fábrica de cal baixo a razón social Caleras del Ulla. Diéguez, dunha familia de pequenos comerciantes, estudara química e farmacia en Santiago de Compostela, e comezara a traballar en Madrid, no laboratorio dun dos máis importantes farmacéuticos do país, o licenciado santiagués José Casares Gil, precursor do desenvolvemento da química no estado. Na solicitude da licenza, o promotor indicaba que tiña proxectado construír dous fornos, un de cocción de baldosa e artigos análogos, e outro para calcinación de seixo pedernal e carbonato cálcico. A caleira vai ser así o embrión da futura Cerámica Celta.

En 1925, apenas dous anos despois ter aberta a Cerámica de Campaña, o empresario Eugenio Escuredo Lastra, home emprendedor e inquieto, porá en funcionamento no lugar do Cantiño, unha área tradicionalmente anegada polas cheas do Ulla, no camiño de San Xulián, un obradoiro de cerámica artística inspirado no modelo que coñecera en Sargadelos e ao que chamará Cerámica Artística Gallega. Contrataría a un artesán portugués de Brancelos e entraría en contacto co artista Francisco Asorey en Compostela, quen realizará os deseños dos primeiros moldes que saíron da cerámica: “Os tesouros”, o “Pórtico da Gloria”, a ”Naiciña”, o ”Sepulcro do Apóstol” e outras pezas fabricadas coa imaxe de Galicia. Todas as pezas serían deseñadas xunto a Víctor García García-Lozano e Oría Moreno, esta última encargada do coloreado e retocado das pezas no taller.

Aínda que chegara a vender a produción en Inglaterra e, sobre todo, en Cuba e Arxentina, a calidade do barro empregado era baixa para tal tipo de cerámica e pronto terá dificultades, polo que Escuredo abandonará a experiencia e, xa no 1927, venderá os moldes das figuras ao industrial Ramón Diéguez Carlés, quen trasladará a produción do obradoiro de cerámica ás instalacións que tiña na caleira e fundará alí a Cerámica Celta nese mesmo ano.

Ramón Diéguez, preocupado pola calidade, e grazas á súa preparación técnica, empregaría o barro das súas minas de feldespato en Valga, e introduciría a técnica do vidrado nas pezas que herdara da Cerámica Artística Gallega, dándolles un novo pulo. Ademais de continuar coa colaboración de Asorey, contrata a un artesán de Buño, Antonio Añón, que é axudado nos inicios polos artesáns Peteiro, Rafael Ochoa e Oría Moreno.

O médico Víctor García García-Lozano, un grande entusiasta da cerámica, introducirá ao seu colega Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no obradoiro. Castelao será o artista máis interesado na cerámica de Diéguez e o que mais a influenciou, preparando numerosos deseños e bosquexos que servirán de guía para a realización de moitas pezas como o “Cabirto” ou “Cabuxo”.

Carlos Maside, Bonome, Manuel Andrés, Torres ou Sobrino aportarán tamén os seus deseños á Cerámica Celta. Outros artesáns que pasarán pola cerámica cesureña serán José María Acuña, Francisco Ferro, Devantier, José Juan, Antonio Fabeiro, Pepe Llerena ou Carlos Bóveda.

Na Cerámica Celta elaborarase durante case corenta anos unha artesanía ligada á natureza e inspirada na ánima galega, e chegaría a coñecerse como a “Universidade Plástica de Galicia”. Dirá Xosé Filgueira Valverde que esta experiencia única, onde converxeron unha clase empresarial ilustrada, cunha vehemente aposta pola industria de calidade ligada á artesanía, e un grupo de artistas renovadores da arte galega, atraídos por este clima favorable, foi “un chanzo intermedio entre a antiga e a nova industria de Sargadelos”.

O obradoiro artístico funcionará entre 1927 e 1963, até que o seu propietario decidiu pechalo. A produción industrial, non obstante, continuará, primeiro con un dos seus fillos ao fronte, e na actualidade como marca comercial dun grupo empresarial.

Cesou a súa actividade no 1963. Na actualidade atópase en absoluto abandono, feito que levará á perda definitiva dun dos elementos do patrimonio industrial máis salientables de Pontecesures.

Latitude/Lonxitude: 42.718801073, -8.660026016

+Info: Patrimonio e Paisaxe(s) do Baixo Ulla

ceramicacelta

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s